luns, 23 de xuño de 2014

SAN XOÁN, O COMEZO DO VERÁN

Como todos sabedes, é tradición en Galicia facer durante a noite de San Xoán, a tradicional auga con distintas herbas aromáticas, que recibe o nome de Auga de San Xoán. Este ano, unha das últimas cousas que vos queríamos contar é como facer esta máxica apócema, a cal serve para desfacerse das malas enerxías, meigallos e atraer á boa sorte.

Á preparación denomínase: ‘facer o cacho’, que consiste en coller auga de sete fontes. A tradición recomenda deixar estas plantas e flores nunha talla con esta auga á intemperie (que lle caia o orballo) durante a noite. Segundo a tradición o orballo dá as virtudes ás herbas, tema que foi cristianizado dicindo que é San Xoán que as bendí. Por riba da talla cómpre colocar uns cardos ou unhas silveiras para evitar que o demo cague nel. Tamén hai quen lle botaba unhas moedas.

Á mañá seguinte lavámonos con esa auga verde e recendente, especialmente a faciana e os pés purificando a pel; en certas zonas este lavado ha facerse mirando ao oriente, para recibir as primeiras raiolas do sol. Deste xeito procúrase non avellentar, sandar e previr enfermidades cutáneas e rexuvenecer a pel. En especial é importante que se laven os nenos.

A auga suponse que ten propiedades menciñeiras, máxicas, para sandar as envexas; ademais das propiedades cosméticas, para pór mais bonitas ás mozas e darlles boas cores e finura de pel.
A herba sécase durante varios días ao sol para ser utilizada logo en múltiples remedios caseiros. Por exemplo a ruda, a herba luísa e a macela contra as dores de barriga. A hortelá e os estraloques contra o proído das estrugas. As follas de nogueira con tres noces sanda as chagas do corpo. O romeu cocido con viño sandaba as dores de gorxa, barriga e tamén as dores do gando, e sen o viño era boa para a reuma, nervios e arrefriados. O loureiro e o allo trillábanse para limpar as aireadas e contra a reuma. A herba de San Xoán limpa a cara de grans. O tomiño era bo antídoto para evitar a caída do pelo.

A continuación mostrámosvos os ingredientes para facela:

En primeiro lugar, atópanse as sete herbas fundamentais:
  • Abeloura ou herba de San Xoán, empregábase na menciña tradicional coma cicatrizante, adstrinxente e antiséptico. O refraneiro di que "A herba de San Xoán limpa a cara de grans". Está considerada como unha planta contra o demo.
  • Codeso, é un arbusto sagrado para os galegos, tóxico para o gando. Utilizábase para facer lume e para facer vasoiras e varrer a casa dos malos espíritos.
  • Fento macho, é un fento velenoso. En xeral é un antiparasito, era moi empregado contra as tenias. As lendas galegas e británicas din que pola noite de San Xoán bota flor; xustamente á medianoite.
  • Fiúncho, herba de obriga, afasta os malos espíritos, especial contra o mal de ollo. Como menciña é efectiva contra as inflamacións de ollos, a asma e as más dixestións.
  • Herba luísa, de orixe americano, empregouse en Galiza na menciña dende que chegou das Américas. É moi boa para as dores de estómago e barriga, gases e dores de cabeza. É tamén unha herba especial para os amoríos. Asóciase coas troulas e esmorgas.
  • Malva, serve contra a bronquite, afeccións dixestivas, nervios, etc. O refrán di "Cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar".
  • Romeu. Aínda que o bravo non abunda en Galiza, empregábase na menciña tradicional contra a reuma, a artrite, trastornos do sistema circulatorio, depresión, dores de gorxa, etc. Crese que o romeu realmente é a herba que protexe e purifica os fogares galegos por excelencia.



Por outra banda, tamén se tenden a empregar as seguintes:

  • Dedaleira ou estraloque, é a planta galega con máis nomes. É velenosa, contén unha droga que fai latexar o corazón máis de presa. Por isto é moi utilizada para afeccións de corazón e tamén para os ouriños. Considérase máxica, disque escorrenta as bruxas e as desgrazas cando se pon na porta a noite de San Xoán.
  • Espadana.
  • Herba de Nosa Señora ou artemisa.
  • Herba punteira ou sempreviva dos tellados.
  • Macela ou matricaria, ten moitas propiedades medicinais.
  • Roseira brava, é medicinal.
  • Trobisco o poder vesicante das follas utilizase para as feridas.Tamén se utilizaba para sandar as orellas unha vez que se fai o burato para os pendentes. Tamén como insecticida, para matar piollos, formigas, e chinches.
Ademáis, non poden faltar:
  • Sabugueiro, arbusto medicinal e considerado sagrado polos celtas. As flores, teñen moitos usos domésticos como purgantes, insecticidas, para facer inhalacións, tinturas, etc.
  • Nogueira, ten multitude de propiedades medicinais. Recoméndase coller a folla con tres noces.
  • Amieiro, a árbore sagrada dos ríos galegos.
  • Hedra, considerada planta sagrada do calendario celta.
  • Carballo, a árbore sagrada de Galiza e moitas outras cultura europeas.
  • Visgo, considerada planta sagrada do calendario celta.

Outras herbas son: 
Ágramo
Allo
Arzais
Folla de cana
Folla de figueira
Folla de laranxeira
Folla de ulmeiro
Folla de viña branca
Follas de castiñeiro
Herba do Carme
Herba lemona
Herbas de San Pedro
Hortelá
Hortensia
Loureiro
Mentraste
Ourego
Perpetua
Poutas de lobo
Rosas de nabo
Rosas de sábrego
Ruda
Silveira
Tomiño


Desexámosvos que esta información vos axude a preparar unha boa Auga de San Xoán e que esta vos proporcione moi boa sorte!

fonte: Wikipedia

Ningún comentario:

Publicar un comentario